Páxina principal
 O comezo




Traducións:

'العربية / al-ʿarabīyah
Bahasa Indonesia
Български език
Català
中文 / Zhōngwén
Deutsch
English
Español
Euskara
Ewe
Filipino/Tagalog
Français
Galego
Ελληνικά / Elliniká
हिन्दी / hindī
Italiano
日本語 / Nihongo
بهاس ملايو / Bahasa Melayu
Português
Română
ไทย / Thai

                                        

Outras páxinas:

Módulos

Mapa do sitio

Palabras clave

Contacto

Documentos útiles

Ligazóns de interese

PREPARAR AO ACTIVISTA

Guía para o formador

polo Doutor Phil Bartle

traducido por Nahir Seijo


Notas para o formador

A mobilización dunha comunidade non comeza «ad hoc» ou sen preparación

Prepara-lo camiño antes da mobilización

Cando o activista estea listo para a mobilización, antes de comezar coa mesma debe levar a cabo algúns preparativos na comunidade. Debe iniciarse a mobilización con planificación e preparación, e coa seguridade de ter cumprido cos requisitos precisados.

Se está vostede a organiza-la formación de activistas, empregando este material poderá ver que este módulo está deseñado para ensinar a potenciais activistas en qué consiste a súa labor inicial. Promovemos de novo «facer» como o mellor xeito de acadar experiencia, e pódese establecer esta formación para maximizar, na aprendizaxe dos participantes, actividades que consistan en «facer».

É un bo momento para recordarlles que é importante que creen e manteñan un «rexistro escrito». O xeito no que traballan os seus aprendices nunha comunidade ten moita relación cos coñecementos que posúan sobre a situación e a natureza da mesma. Máis aínda, recórdelles que non van traballar nesa comunidade para sempre, e que deben comezar a prepara-lo material que valerá de guía ao seu sucesor. Se non o fan, e co tempo vanse, o seguinte activista terá que comezar dende o principio outra vez, e non poderá basearse nas observacións e experiencias do activista previo. Recorde aos seus aprendices que comecen e continuen a esribir os seus diarios.

É nesta fase cando o activista ten que prepara-la comunidade para que poidan tomar medidas efectivas. Consulte o módulo «Métodos de formación». Fíxese no documento «Xogos de roles». Vostede escolle cómo organizar unha sesión de xogos de roles; hai moitos xeitos de facelo. Pode asignar aos participantes o papel de membro da comunidade, líder local, conselleiro ou alcalde, un funcionario local que concede licenzas ou certificados para os que fan traballos de campo (se existe ese posto), un «xefe» ou supervisor do activista, e outros postos representativos da situación local. Ao levar a cabo estas sesións de xogos de roles, os aprendices poden chegar a entende-las partes que compoñen o proceso e, polo tanto, comprender mellor éste.

O ciclo de mobilización:

Cando os participantes comecen, o seu traballo terá lugar no contexto dun «ciclo de mobilización». Deberían contar, polo menos, cun esbozo do ciclo. Pode vostede engadir material do módulo de formación «O ciclo de mobilización» se queren ou precisan máis detalles neste punto.

Cando estea a formalos, non se limite a presenta-lo ciclo nen se cinga só a un caderno. Pola contra, pregúntelles polos elementos do ciclo, e dibúxeos no encerado. Primeiro pode presentalos coma unha lista, de arriba a abaixo, das etapas que o forman: a avaliación das necesidades, a escolla do proxecto comunitario, o seu deseño, a execución, e a avaliación. Mentres non lles facilite os elementos dun xeito total, poderá facerlles preguntas que provoquen que saian deles. Debuxe unha frecha dende o punto que está abaixo ata o de arriba, para indica-la repetición do ciclo.

Unha sesión que suporía un reto consiste en escoller a varios participantes para que interpreten o «papel» de cada etapa do ciclo. Poden levar etiquetas feitas con cartulina que identifique a cada un cunha etapa. Qué irán dicindo sucesivamente segundo é presentado o ciclo? Se son capaces de facelo, probe a pedirlles que o fagan de novo, ou cambie de xogadores, esta vez para facelo sen falar. Pode ser moi divertido, e pode provocar moitas risas e mesmo intentos embarazosos, pero axudará a memoriza-lo ciclo, especialmente os seus principios (se non os detalles específicos de cada punto).

Neste sitio web hai dispoñíbel unha presentación en Power Point do ciclo de mobilización que emprega os bosquexos de Julianna Kuruhiira. É máis elaborada e detallada que as páxinas web dese módulo. Se conta cos instrumentos para poder presentalo nunha pantalla, sería un bo descanso nas sesións do taller de formación; senón, pode facelo nun ordenador persoal, e amosárllelo por grupos de tres ou catro. Ver «O ciclo de mobilización».

Recorde aos seus aprendices que o seu traballo está baseado no ciclo, que unha comunidade non se desenvolve con só un proxecto, senón que o ciclo debe repetirse, e variar de cada vez segundo vaian cambiando as condicións.

Consegui-las autorizacións:

Coma o seu formador, explique aos aprendices que precisan dúas clases de permisos ou autorizacións para comezar en cada distrito. Un é o permiso formal, legal ou oficial; o outro é o informal ou non oficial.

Normalmente é sinxelo conseguir un permiso formal. Recorde que «sinxelo» non sempre significa «doado». Os trámites adoitan variar dun país a outro, e poden cambiar tamén a nivel rexional, provincial, ou de distrito. Como normalmente están baseados en leis e regulamentos gubernamentais, a miúdo están recollidos nalgures.

Os límites informais non son tan sinxelos de definir, e carecen dun límite claro. En esencia, supón acada-la benevolencia das autoridades e líderes da rexión, de xeito que se convirtan en aliados máis ca estorbos. A súa cooperación pode ser valiosa; a súa oposición, catastrófica.

É doado identificar a obtención dun permiso formal; ven marcada pola recepción dunha carta ou certificado. Pero non hai un xeito claro de saber cando acadamos un permiso informal.  Explique aos activistas que terán que estar en trámite de obtelo ao longo de todo o proceso de mobilización en cada rexión.

Un bo exercicio na sesión de formación consiste en pedirlles que preparen definicións das dúas clases de autorizacións no seu distrito ou rexión.

Esta é outra boa sesión para facer outro xogo de roles. Divídaos en dous grupos, cada un composto por un número de entre dúas e cinco persoas. Unha das persoas dun grupo será o activista. Un do outro grupo será o funcionario pertinente, co poder de conceder un certificado que permita ao activista traballar na rexión. Os demais xogadores serán os asesores de ámbolos dous. Separe os dous grupos e pida aos asesores que amosen aos seus representados o que deben dicir.

É importante que o grupo que asesora ao «funcionario» xere tantas sospeitas, conxecturas e medos coma consideren relevante. Pola contra, o grupo que asesora ao «activista» debería enumerar tódalas vantaxes das que gozarán comunidade e líder ao seren mobilizados para gañar independencia.

Os grupos deben estar en lugares distintos, ou polo menos en diferentes partes da habitación, e levar a cabo os preparativos en dez ou quince minutos. Despois xúnteos a todos, xunto co resto dos aprendices (que farán de «público» da obra), e pídalles que representen unha escena na que o activista chama á porta do funcionario e pide permiso para mobilizar unha comunidade da zona.

Cando é un grupo extenso de aprendices, pode facerse varias veces. Despois de unha ou dúas sesións, poida que queira vostede engadir un «joker» ás cartas do xogo. Forme un terceiro grupo que asesore a un entremetido local, ou un xornalista, que casualmente andaba a osmar na oficina do funcionario, e que aportará inesperadas pero polémicas preguntas ao debate.

Despois das sesións de xogos de roles é moi útil unha sesión de seguimento. Sería desexábel resumir no encerado a clase de preguntas que podería face-lo funcionario, as preguntas que poderían xacer latentes na comunidade, e os argumentos que podería emprega-lo activista. Pida a tódolos activistas que lle axuden a escribi-las listas no encerado. Faga este xogo e o seu seguimento mesmo onde non se teñan concedidos permisos formais; os seus argumentos son útiles para que os aprendices entendan o seu papel.

Concienciación:

O proceso de concienciación da poboación en xeral é notabelmente semellante ao proceso de obtención de permisos non oficiais das autoridades locais. Diga aos seus aprendices que terán que estar sempre conseguindo (e conservando) aliados e partidarios de entre a poboación en xeral.

Na sesión de formación pode empregar vostede o mesmo tipo de xogo de roles, con distintas clases de «jokers», e unha sesión de seguimento semellante.

Recorde aos aprendices que o seu traballo, ao mesmo tempo que concienciar, consiste en evita-la creación de expectativas pouco realistas. Máis aínda, participación comunitaria non significa que o activista teña que aceptar dun xeito pasivo o que os membros máis algareiros da comunidade queiran coma primeiro obxectivo. O activista debe poñer en dúbida dun xeito construtivo as suxerencias elementais e feitas sen pensar da comunidade. Pode preparar ao grupo de xogo de roles comunitario, por exemplo, dicíndolles que pidan unha clínica con un doutor, pero pode ensinárselle ao xogador que fai de activista para que pregunte se é para reduci-las enfermidades.  Se é así, entón unha subministración de auga limpa e unhas latrinas limpas e correctamente empregadas poderían supoñer unha solución mellor ao problema das enfermidades. (Ve-lo módulo sobre a «auga»).

Organización da unidade:

Asegúrese de que os seus aprendices non asuman que as comunidades se unifican de xeito natural. A palabra «comunidade» é enganosa porque contén en sí mesma «unidade». Na crenza popular a miúdo se pensa nas comunidades coma sitios pacíficos onde todo o mundo se coñece, aprecia e coopera entre sí. Ver Organización da unidade.

Os sociólogos coñéceno ben. En posteriores módulos inclúese máis socioloxía na formación, e apréciase mellor o conflito. A efectos prácticos, especialmente nesta fase formativa introdutoria, abonda con que lles conte que hai moitos conflitos ocultos e non tan ocultos, e «tiras e afloxas» en tódalas comunidades. Esta desunión debilítaas. Unha parte importante do traballo do activista consiste, polo tanto, en convencer aos membros da comunidade de que deixen a un lado as súas diferenzas para cooperar nas actividades de potenciación comunitaria.

Os aprendices deben aprender que a organización da unidade non é unha única etapa do seu traballo, que non poden unificar unha comunidade (dunha vez) e logo continuar a facer outras cousas.

É unha loita continua, e prolóngase a todo o longo do seu traballo na comunidade.

A desunión pode basearse en moitas causas. Algunhas son (pero non son só estas):

  • as rivalidades entre varios linaxes ou clans,
  • as diferenzas en relación coa propiedade (como escribiu Karl Marx : traballadores contra patróns); e
  • as diferenzas de:
    • idioma,
    • crenzas e prácticas relixiosas,
    • organización familiar,
    • a orixe étnica (chamada tamén «raza»),
    • xénero,
    • idade,
    • deformidades ou discapacidades físicas ou mentais, e
    • case calquera variación nas características sociais (é dicir, características físicas que leven consigo un sentido social).

Un activista ten que aceptar ás veces prácticas locais e traballar ao redor delas, ou insistir enerxicamente en que se debe incluir a algúns grupos nas reunións comunitarias, mesmo se foron historicamente esquecidos. Estes son dous exemplos froito da miña propia experiencia:

Traballando en comunidades conservadoras islámicas, por exemplo, atopabámonos con que as mulleres tiñan moitas limitacións no tocante aos seus movementos. Tivemos que andar con moito coidado. Coa aprobación e a cooperación dos malaams puidemos impartir ás mulleres formación en traballo social, empregando unicamente formadoras e traballando só nos seus fogares. (Ver TSBC).

No norte de Ghana, pola contra, onde existe un islam moderado nalgunhas zonas, convocabamos reunións comunitarias para establece-las prioridades da comunidade. Se só se presentaban homes, amabelmente lles explicabamos que nos referiamos a todo o mundo, suspendiamo-la reunión sen revela-lo seu fin, e convocabamola para o día seguinte. O segundo día asistían as mulleres (e tamén os discapacitados e as minorías).

Ver tamén o módulo sobre xénero.

Pódese espalla-la mensaxe de varios xeitos. Se está vostede familiarizado con algunas das principais zonas nas que está a levar a cabo a formación, pode preparar varias sesións de xogos de roles nas que os aprendices tomen posicións enfrontadas, e un activista (que ten coma asesores a outros aprendices) debe idear estratexias para facerlles fronte.

Tamén pode chamar a especialistas que poidan impartir formación na zona.

Durante a miña labor en África, para desenvolver estratexias de xénero, por exemplo, atopeime con que a miúdo había ministerios de xénero (ou equivalentes) con moito persoal ben formado e desexoso de aporta-los seus coñecementos nas sesións.

Diálogo público:

Unha das habilidades máis importantes que precisa un activista é a capacidade de falar en público diante de estraños.

Aínda que estea considerado coma un talento co que contan algunhas persoas dun xeito natural, consiste nunha serie de habilidades que poden aprenderse. A maior barreira ou obstáculo é o medo, a ansiedade, ou a preocupación. Unha vez que se superan esas emocións, pódense aprender e mellorar esas habilidades.

A capacidade para falar ben en público non consiste só en falar alto, despacio e cunha linguaxe clara e simple, senón tamén na habilidade para escoita-lo que di a xente, anticiparse ao que poidan dicir aínda cando estean calados, e acada-la compenetración coa audiencia. Un activista non só debe respetar aos membros da comunidade, senón que debe parecer que o fai, e demostralo cando fala en público.

Non asuste aos aprendices contándolles todo isto no comezo da primeira sesión referida a falar en público. Soa moi difícil ao principio. Amosarán menos receo cando descubran que poden aprendelo e practicalo doadamente, comezando coa súa sesión de formación.

Agora é cando «aprender facendo» é máis efectivo.

Se conta cun taller de formación de cinco días, pode organizar cinco ou seis sesións cortas distintas acerca de falar. Unhas das mellores consiste na práctica de pensar mentres estamos de pé. Coma na organización, vostede, «mestre de cerimonias», propoña un xogo no que se lle pide a alguén que se poña fronte ao grupo, se lle da unha palabra sen decirlle previamente cal, e se lle di que fale da mesma durante dous minutos. Sería interesante escoller entre as palabras en cuestión tamén as que non teñan relación coa mobilización ou o taller, coma por exemplo «bananas», «sogras», ou «tapas do cubo do lixo».

Se organiza vostede talleres formativos para un grupo de activistas, digamos cada mes (ou cada dous), cousa que lle recomendamos, entón pode incluir tamén esta sesión cada mes.

Unha variación podería consistir en mandar fóra da habitación ao que fala durante dous minutos para que pense na palabra que lle facilitou vostede. Mentres tanto, sen lle dicir nada a éste, pídalles ao resto dos aprendices que cambien a palabra sen dicir cal escollen. Podemos darlle ao que fala un tema coma «cambiar un carburador», e ao grupo outro coma «abrir ostras». O primeiro ten catro minutos para falar do seu tema, pero tamén para identifica-lo tema que queren os demais e relacionar un co outro, ou cambiar ao tema desexado por eles.

Nestas sesións debe vostede ter moito coidado coas críticas. Nas persoas tímidas que temen falar en público, as críticas poden provocar desalento e dificultade para desenvolve-las habilidades precisas. Pode ser un bo momento para introduci-las directrices do «brainstorming» (ver brainstorm), ou do termo das palabras clave «sandwich», moi útil en xestión. Pode vostede tomar un procedemento das reunións de AA1 . Díselle ao público que aplauda cada vez que alguén fale, sen importa-lo que diga.

Se dispón vostede dos recursos técnicos, nesta sesión pode serlle moi útil unha cámara de vídeo. Grave a cada participante cada vez que fale. Logo facilítelle-la cinta e unha habitación privada, ou uns auriculares e unha pequena pantalla, de xeito que poidan ve-la cinta en privado. Despois ofrézalle-la opción de borra-lo material da cinta ou ensinarlla aos seus amigos. Poida que queiran levala para a súa casa, se dispoñen do aparato para vela. No canto de criticalo ou aconsellalo (vostede ou os demais participantes), proporciónalle unha imaxe da súa presentación só para el, que pode usar ou destruír en privado.

Desafiando á comunidade:

Hai unha mensaxe que é constante ao longo de toda esta formación. O método central da socioloxía da potenciación consiste en que un organismo se fortaleza grazas á loita, ao esforzo, ou á práctica. O principio apóiase na nosa recomendación de que pode vostede formar activistas dun xeito máis efectivo poñéndoos ante situacións nas que poidan «facer» ou practica-lo seu traballo, máis que limitarse a escoitar charlas. Apóiase na nosa advertencia en contra de emprega-la actitude caritativa; dar aos pobres non os fai máis fortes nen máis independentes, senón que trae consigo que se afagan a esperar e depender de máis dádivas.

Un xogo de roles relacionado que poden practicar os seus aprendices é o exemplo do caderno «Desafiando á comunidade». Prepare dous grupos, representando un deles ao «activista» e os seus asesores, e o outro á comunidade. Pode emprega-lo caderno e dicirlle á comunidade que pida unha clínica, e ao activista que desafíe ese obxectivo e os guíe para que escollan un punto de abastecemento de auga limpa coma estratexia máis eficaz para diminui-las enfermidades.

Solicite aos participantes que suxiran outros xogos polo estilo, nos que os membros da comunidade pidan algo e o activista faga que pensen na súa petición e pidan cousas realistas.

Organización para o fortalecemento:

Outro principio fundamental na metodoloxía do fortalecemento (despois de «esforzarse para fortalecerse») di que a organización orixina fortalecemento, e organizarse mellor orixina un fortalecemento maior.

En socioloxía, a linaxe histórica deste principio deriva dos escritos de Max Weber, que escribíu acerca das características das burocracias que lles daban poder. Como este non é o momento para que ensine vostede socioloxía (iso virá nun punto posterior da formación), é importante que vostede, coma o seu formador, recoñeza a socioloxía na formación.

Os líderes sindicais saben dende hai séculos que si se colle un grupo desorganizado de xente (traballadores dunha empresa), se lles une para acadar un fin común, e se lles axuda para que formen unha organización social sinxela, incrementan o seu poder. Aos empresarios e dirixentes non lles gustan as unións precisamente porque teñen un poder inmenso. Poden empregar ese poder para protexerse de salarios ou remuneracións inxustamente baixos, e de condicións de traballo perigosas.

Este principio é aplicábel a calquera grupo, e aquí emprégase como parte da potenciación das comunidades.

Cómo demostrarlle este principio aos seus aprendices?

Os potenciais activistas comunitarios teñen que coñece-la importancia da organización.

Ata o de agora, as directrices para os formadores recomendaban emprega-las sesións de xogos de roles para poñer aos aprendices no lugar de varios personaxes no proceso da mobilización comunitaria. Esto mellora as súas habilidades, ao tempo que lles proporciona certa perspectiva das situacións e actitudes da xente van coñecer e coa que traballarán na potenciación comunitaria. É posíbel que nesta sesión sexan máis apropiados outros métodos de formación.

Explique o principio, e amose como se podería aplicar a dous equipos de fútbol que contan co mesmo nivel de destreza. Pida aos aprendices que identifiquen outras situacións nas que un grupo organizado poida ser máis eficaz que un grupo desorganizado que, sen embargo, ten as mesmas características. Escriba tres no encerado. Comece polos xogos de equipo como o fútbol, pero continúe con outros grupos, como grupos militares loitando nunha guerra, ou compañías que fabrican un produto similar. Poden os aprendices pensar noutros exemplos?

Se ten vostede un grupo grande, divídaos en grupos pequenos para que preparen unha argumentación a favor da organización, e cómo acadala. Pode dicirlle a un grupo que escolla o exemplo militar, a outro o exemplo comercial, a outro un exemplo de actividade relixiosa (se resulta apropiado), etcétera. Pida a cada grupo que decida cómo debería se-la organización para ser máis efectiva. Un voceiro de cada grupo informará ao pleno. Unha lección importante é que organizar é en sí mesmo un proceso de fortalecemento, e que non se limita só ás comunidades.

Conclusión. Formación de activistas:

Os métodos que vostede empregue para alentar aos aprendices a que aprendan cómo mobilizar deberían ser variados e interesantes. Non deberían consistir unicamente en leccións e presentacións, senón en varios métodos que os impliquen coma participantes activos na súa propia aprendizaxe. A variedade axuda a manter fresco o proceso de aprendizaxe e mellora o entendemento e a retentiva.

Non dependa dos métodos ortodoxos, nen sequera destas directrices. A súa formación será máis fresca, máis desafiante, e máis excitante se crea vostede mesmo novos métodos.

É máis, debería tentar traer formadores externos polo menos a algunhas sesións en cada taller. Manteña a frescura das sesións cambiando as presentacións entre as sesións. Do mesmo xeito, cambie os medios cos que fai as presentacións: empregue diapositivas, transparencias, películas, vídeos, teatro de monicreques, presentacións nun taboleiro de feltro, xogos de roles. Bailes locais e grupos teatrais, coros, e grupos culturais. Non use o mesmo medio demasiado nunha sesión, e varíeos de sesión a sesión.

Até os xogos de roles poden ser variados; probe a que os aprendices manexen monicreques no canto de actuar cos seus propios corpos. Do mesmo xeito, poden facer imaxes para unha presentación no taboleiro de feltro, como alternativa ao xogo de roles.

A variedade é unha fantástica especia pedagóxica.

nota 1. : AA = Alcohólicos Anónimos

`
––»«––

© Copyright 1967, 1987, 2007: Phil Bartle
Deseño web Lourdes Sada
––»«––
Última actualización: 08.07.2011


 Páxina principal

 O comezo