Páxina de inicio
 Mobilización




Traducións:

Bahasa Indonesia
বাংলা / Baṅla
Català
English
Español
Filipino/Tagalog
Français
Galego
Ελληνικά / Elliniká
हिन्दी / Hindī
Italiano
日本語 / Nihongo
Kiswahili
Polszczyzna
Português
Română
Русский
Tiếng Việt
اردو / Urdu

                                        

Outras páxinas:

Módulos

Mapa do sitio

Palabras clave

Contacto

Documentos útiles

Ligazóns de interese

EXPLICACIÓN DO CICLO DE MOBILIZACIÓN

por Phil Bartle, PhD

traducido por Iria Castiñeiras Pérez


Documento de adestramento e referencia

Detalle de cada fase do ciclo

Resumo:

Este documento revisa cada fase do ciclo da mobilización. Cada unha delas explícase brevemente. Debe lerse xunto co folleto de unha páxina o ciclo da mobilización . Pode atopar información gráfica en ilustracións sobre o fortalecemento do ciclo.


O ciclo de mobilización

Introdución:

En ocasións, chámase ao ciclo de mobilización «ciclo de promoción da participación comunitaria», «ciclo de resolución de problemas», «ciclo de desenvolvemento comunitario» ou «ciclo de animación social». Trátase dunha serie de intervencións (levadas a cabo por un ou máis activistas) deseñadas para aumentar o nivel participativo da comunidade na toma de decisións que afecta ao seu desenvolvemento.

Recibe o nome de «ciclo» porque se repite, e se vai construíndo sobre os éxitos e erros pasados, sobre as leccións aprendidas.

O ciclo:
  • é unha serie de intervencións que segue una orde lóxica e progresiva;
  • ten que ser levado a cabo por un activista (ou activistas) lexítimo, autorizado é recoñecido;
  • utiliza a acción elixida pola comunidade como un medio para fortalecerse, non como un fin por si mesmo;
  • require que o(s) activista(s) estean informados e sensibilizados coas características da comunidade;
  • pode ser implantado por un ministerio ou departamento, ben estatal ou local, ou tamén por unha organización non gobernamental;
  • na súa orixe, non é «de abaixo para arriba», «baseado na comunidade» ou «popular», pero aspira a fortalecer todos eles; e
  • promove (estimula, apoia, adestra os coñecementos precisos para) a participación comunitaria na toma de decisións de todas as accións que afectan á comunidade.

Os pasos principais:
  • están loxicamente relacionados entre eles e co ciclo como un todo;
  • son todos precisos: a ausencia dun podería debilitar seriamente o seu impacto; e
  • comezan na orde exposta máis abaixo, aínda que pode haber algunha coincidencia no tempo ou continuación.

A participación de todos os membros da comunidade de chegada (sen importar as súas características biolóxicas ou sociais) é fundamental para reducir a pobreza e fortalecer á comunidade. No PDC, «participación» refírese a que toda a comunidade (non só algunhas partes da mesma) colabora na toma e control de decisións.

As decisións clave que se deben tomar, e o control que se debe exercer, inclúen: toma de conciencia da situación (necesidade e potenciais); determinar cales son os problemas prioritarios (e xerar metas e obxectivos para acadalos); planear as accións (plan de acción comunitario, deseño de proxectos) e implantalas, supervisalas e avaliar os seus resultados.

Toda a comunidade asume a responsabilidade: non a deixa a alguén alleo.

Recoméndase a contribución dos recursos (como doazóns, traballos comunais ou subministros), o diálogo e a consulta con axencias externas, aínda que «participación (dentro desta estratexia) abarca moito máis que tan só a «contribución» ou a «consulta».

Sensibilización e autoridade:

As autoridades deben recoñecer aos activistas da comunidade, que deben obter un estatus legal para non ser vulnerables a arrestos por ser considerados axitadores sediciosos ou para non ser acosados pola policía e outras autoridades responsables de manteren a lei e a orde.

Ademais, as autoridades son as que teñen máis interese en manter o enfoque de «subministro» e temen o da «capacitación», xa que como funcionarios, oficiais, políticos, líderes tradicionais ou modernos e expertos técnicos ven os beneficios inmediatos que aporta para obter influencia, popularidade, votos, promoción ou avances na súa carreira. A sensibilización non é tan só unha formalidade: debe estar ben planeada e executada. Contrarrestar os rumores e falsas asuncións debe ser unha parte fundamental da estratexia de sensibilización.

Toma de conciencia:

Antes de alentar á comunidade a actuar (e, polo tanto, a aprender e a fortalecerse) o activista debe facer ver aos membros da comunidade certas realidades.

Neste paso é importante evitar crear falsas esperanzas e contrarrestar todo o que se poida as inevitables asuncións e rumores que surxirán sobre a asistencia que se vai recibir.

É importante que sexan consciente dos seguintes puntos:
  • se permanecen pasivos e expectantes da axuda externa ou do goberno, continuarán a levar o peso da pobreza e a debilidade;
  • ningunha comunidade é completamente pobre: se hai persoas vivindo nela é por que ten recursos e potenciais, incluíndo mano de obra, creatividade, vida, desexos e capacidade de supervivencia, entre outros atributos;
  • é máis probable que a xente se una e axude se ven que máis xente está a facelo; e
  • o activista (e a súa axencia ou departamento) non trae recursos (fondos, materiais de construción...), pero debe alentar e asistir no adestramento e na orientación da xestión.

Organización da unidade:

Ningunha comunidade está unida: en todas hai cismas e faccións, aínda que o grao varía. Cando hai moita disparidade social, é máis difícil acadar un consenso sobre o problema principal e, polo tanto, sobre o seu obxectivo.

A organización da unidade é un precedente necesario para a maioría das mobilizacións comunitarias, e o continúa a ser durante todo o ciclo. Vexa organización da unidade.

Adestramento do activista:

Os poucos activistas dispoñibles non poden chegar a cada comunidade que precise dunha intervención para fomentar o fortalecemento e a autoconfianza. No caso de CMP Uganda, había dez activistas do concello en cada parroquia, que realizaban o seu traballo de forma voluntaria e que, orixinariamente, formaban parte do Movemento de Resistencia que informaba sobre a democracia participativa de Museveni. Ofreciámoslles adestramento e algúns incentivos, como camisolas e bicicletas, e estenderon os seus esforzos aos ODC e ADC (Oficiais de Desenvolvemento Comunitario e os seus Asistentes).

A falta de mobilizadores adestrados para estimular a autoaxuda é un dos principais factores polos que creamos e expandimos esta páxina web e os seus módulos de adestramento. Moitos deles son guías para escribir material de adestramento na lingua local e adaptalo ás diferentes condicións. O núcleo do material de adestramento é adestramento da forza, un programa de adestramento para fortalecer a xestión comunitaria, e tres manuais para activistas: (1) mobilización, (2) xeración de ingresos e (3) supervisión. Dado que o punto principal do proceso de fortalecemento é o adestramento na mobilización e na xestión (e non o financiamento parcial dos proxectos comunitarios) este material céntrase nese proceso.

Adestramento na xestión:

Un dos elementos do programa de xestión comunitario que o diferencia da animación máis ortodoxa ou das intervencións de desenvolvemento comunitarias é a adición do adestramento para a xestión. Non é suficiente permitir ou incluso estimular ás comunidades con poucos ingresos ou marxinadas a participaren nas accións e na toma de decisións democrática sobre o seu desenvolvemento: tamén é preciso para esa comunidade ter a capacidade de participar. O adestramento para a xestión está deseñado para aumentala.

Como método de construción da capacidade, o adestramento para a xestión vai máis alá do método tradicional, que tan só resalta a transferencia de capacidades. Levado a cabo na década de 1950 por executivos de grandes corporacións, o adestramento da xestión incluía algunha transmisión de habilidades, pero tamén a toma de conciencia, intercambio de información, estímulo e reestruturación (organizar para a toma de decisións e organizar para unha acción efectiva). Aos nosos participantes lles gustaba dicir: «isto non é tan só adestramento sobre fortalecer, mobilizar e organizar: este adestramento é fortalecer, mobilizar e organizar».

Avaliación da participación:

Aínda que o activista debe avaliar primeiro os recursos, o potencial, os obstáculos e as necesidades da comunidade, a estratexia do ciclo de mobilización precisa que esta estimación se faga coa comunidade como un todo. Pode que non se realice toda ao mesmo tempo, e que a propia executiva da comunidade a continúe máis adiante, unha vez estea formada e organizada.

Os futuros plans e accións na intervención deben facerse segundo a realidade observada, non seguindo aquilo que imaxinamos ou os intereses específicos de certas faccións da comunidade. As necesidades e os potenciais deben ser recoñecidos por todos os membros da comunidade.

Definindo as prioridades: problemas e obxectivos.

Cando a comunidade está suficientemente unida, cando todas as partes están envoltas (incluíndo mulleres, discapacitados e outras persoas con menos posibilidades de gozar da toma de decisións da comunidade) é hora de emprender accións na comunidade.

Isto conséguese chegando a un consenso sobre cal é o problema principal, para así identificarmos cal é o obxectivo fundamental. Unha das ferramentas que podemos usar é a treboada de ideas .

Plan de Acción Comunitario (PAC)

A comunidade debe estar de acordo no que quere conseguir nun período de tempo determinado, sexa un ano ou cinco (normalmente require o mesmo tempo que os plans do distrito). O plan pode incluír un ou varios proxectos comunitarios.

Organización do CIC, comité executivo:

Como non se poden obter todos os detalles dun deseño de proxecto nunha reunión pública na que participan centos de persoas, é necesario que a comunidade forme unha executiva (comité de proxecto, comité de desenvolvemento, CIC ou comité de implantación comunitario). Este comité executivo debe ser escollido por consenso se a votación vai contribuír ao partidismo ou á ruptura: o activista debe ser consciente e estar atento aos valores e ás prácticas da comunidade.

Tras isto, o activista precisa adestrar ao comité na planificación, xestión e liderado participativos, para protexer a súa transparencia (evitar o segredismo) fronte ao conxunto da comunidade. O CIC debe revisar o plan de acción, engadir detalles se fose preciso e preparar un deseño de proxecto que será aprobado pola comunidade (de novo, utilizando os métodos de participación fomentados polo activista). Neste punto é necesario incidir na estratexia de xestión da comunidade (elemento B) e integrala no ciclo de mobilización.

Deseño de proxectos comunitarios:

A clave do adestramento da xestión é responder as seguintes catro preguntas: (1) Que queremos? (2) Que temos? (3) Como podemos empregar o que temos para acadar o que queremos? e (4) Que acontecera cando o fagamos?. As respostas, ampliadas en detalle, formarán parte do deseño do proxecto comunitario. Na nosa metodoloxía, as respostas e o deseño son participativos, quere dicir, o activista, como adestrador, orienta á comunidade (pregunta) e os participantes, como grupo, xeran as respostas.

Un «proxecto» é a acción (ou conxunto de accións decidido pola comunidade como grupo e alentado polo activista). O formato do deseño do proxecto é parecido ao seguinte: Cal é o problema? Definir o obxectivo como solución do problema; depurar a meta ata unha serie finita de obxectivos (SMART); identificar recursos e restricións; xerar unha serie de estratexias para usar os recursos, evitar as restricións e acadar os obxectivos: escoller a estratexia máis efectiva; decidir a organización (estrutura, quen está ao cargo de que, presuposto, horario); e tomar decisións sobre o seguimento, os informes e a avaliación.

Negociación:

Nesta área, o activista camiña sobre terreos escorregadizos. Por unha banda, hai demasiada confianza nos recursos externos; por outra, existe unha necesidade real de recursos suplementarios por parte da comunidade (e aos que, tal vez, poda acceder, como por exemplo as subvencións das rendas públicas dos gobernos centrais ou locais). Cando se utiliza un deseño de proxecto como proposta ou o comité executivo escrebe unha proposta adecuada, ambos casos convértense en instrumentos de negociación entre a comunidade e as autoridades externas e potenciais fontes de recursos.

Incluso se non se procuran recursos externos, a comunidade precisa asegurar que os seus plans se adaptan aos plans xerais do seu entorno xeográfico, das comunidade veciñas, ao distrito ou rexión na que se enmarca, outro tipo de prioridades ou plans nacionais… As negociacións deben incluír todos estes temas. Todos os interesados no proxectos deben formar parte da negociación. Sexa porque a comunidade procura recursos ou a aprobación, o deseño do proxecto e / ou a proposta son instrumentos de negociación.

Preparación do contrato e negociación

O contrato é un instrumento opcional que recomendamos. O activista pode asistir e guiar á executiva da comunidade no borrador do contrato, baseado no deseño do proxecto. Deben usarse palabras simple e debe ser curto, e a proposta ou deseño de proxecto pode adxuntarse como apéndice.

Os signatarios do contrato deben representar a todos os interesados; esta fase pode unirse coa de negociación explicada con anterioridade. As negociacións aseguran que existe transparencia pública no proxecto proposto, que todos os implicados (todos os interesados) entenden os obxectivos e as accións do proxecto comunitario. Tamén confirma a lexitimidade da toma de responsabilidade da comunidade no proxecto.

Sinatura do contrato:

Os signatarios deben ser representantes de todos os interesados (executiva da comunidade, funcionarios rexionais, líderes locais, funcionarios da axencia, activistas). A reunión para asinar o contrato pode ser unha oportunidade para que todos eles se coñezan cara a cara ao mesmo tempo. Polo tanto, esta pode ser unha oportunidade para que o activista manteña á comunidade implicada no seu propio proxecto (compromiso cívico, participación comunitaria) como característica fundamental do seu desenvolvemento.

Se todos os asinantes estiveran de acordo cos términos do contrato con anterioridade, a sinatura podería celebrarse cunha cerimonia, incluída na ceremonia pública posterior. Os asinantes estarán agradecidos de poder facelo nunha sala interior, como unha clase da escola. Se forma parte dunha cerimonia pública, a súa lexitimidade aumentará, así como a conciencia pública sobre a metodoloxía do fortalecemento comunitario.

Pago do primeiro prazo:

Se a proposta e o contrato están encamiñados a obter recursos financeiros para o proxecto comunitario (e lembremos a advertencia sobre a dependencia), o primeiro prazo do pago pode levar a unha cerimonia pública (tal vez coincidindo coa sinatura). Esta é unha oportunidade de incrementar o prestixio do proxecto e da participación da comunidade no seu deseño.

Cancións, bailes, música e teatro, levados a cabo por grupos culturais locais, escolares ou grupos voluntarios, é unha ocasión para fortalecer o orgullo e a lealdade nas tradicións comunitarias e culturais. Pódese invitar á prensa, para que o evento sexa mencionado na radio, no xornal local ou incluso na televisión nacional. O motivo para facermos isto é que intensifica a transparencia, publicita o proxecto e aumenta a conciencia sobre a participación e o fortalecemento comunitarios.

Comezo da implantación:

Chegados a este punto, a comunidade e os seus líderes, como políticos ou xornalistas, estarán máis interesados nas accións e nos resultados (por exemplo, a construción de latrinas, subministros de auga, hospitais ou escolas) e é preciso lembrar e alentar que a supervisión e os informes deben levarse a cabo xunto coa acción. Aquí, o entusiasmo da comunidade pode caer ou desaparecer por completo se a acción, especialmente a relacionada coas finanzas, non é transparente e clara para todos os membros da comunidade.

Mentres que o obxectivo da comunidade é terminar a instalación, o da estratexia e o do activista é aumentar a forza e capacidade da mesma, polo que faise énfase na supervisión e nos informes (verbais ou escritos). Ademais, aquí a comunidade comeza a ser consciente da necesidade de aprender novas habilidades relacionada coa acción (financeiras e de contabilidade, escritura de informes, destrezas técnicas) e onde, de novo, o elemento B da estratexia debe integrarse co ciclo de mobilización.

Supervisión e informes:

A supervisión e os informes están dirixidos a observar a acción para facer axustes e evitar desviarse do camiño, pero sempre se pode complementar con avaliacións e valoracións máis profundas. Isto inclúe valorar o impacto da acción e xulgar como se está levando a cabo, se se tiña que producir ou que se debería ter feito no seu lugar.

Ao mesmo tempo, ábrese a porta á repetición do ciclo, porque ten o mesmo propósito que o análise da situación inicial e a avaliación comunitaria.

Pago dos seguintes prazos:

O pago dos fondos externos á executiva da comunidade debe ser periódico, e dependente do traballo finalizado en cada nivel.

Aínda que non foi preciso para CMP Uganda, é unha forma de seguro, polo que se o traballo (ou a supervisión) se suspende, tamén sucederá cos pagos.

O traballo continúa ata a súa finalización:

Mentres se realizan os traballos, o activista ten a responsabilidade de asegurar que se leva a cabo a supervisión (especialmente por membros da comunidade ou por outro dos involucrados). A transparencia, sobre todo a relacionada coas cantidades e os propósitos dos pagos, é precisa para manter o interese e a confianza da comunidade na súa propia executiva.

Os pagos subseguintes dos fondos externos realizados polas axencias dependerán da responsabilidade (informativa e financeira) e da preservación da transparencia, a honestidade, fiabilidade e integridade dos responsables que xestionan o proxecto na comunidade.

Cerimonia de finalización oficial:

As cerimonias e as celebracións son festas especiais para a maioría da xente, pero supoñen traballo duro para o activista. Ao igual que a entrega do primeiro cheque mencionada antes, a ciriminoia de conclusión é unha oportunidade de difundir un evento público, concienciar sobre o fortalecemento da comunidade e sobre o proxecto, e confirmar a lexitimidade e conveniencia da promoción da participación comunitaria e a potenciación das comunidades con poucos ingresos.

A cerimonia de conclusión, coa prensa e espectáculos culturais, tamén permite lembrar aos membros da comunidade a necesidade do proxecto unha vez finalizado, e determinar cal será a próxima prioridade, polo que o ciclo de mobilización comezará unha vez máis.

Repetición do ciclo:

Non estamos ante unha acción puntual. É un proceso de cambio social (desenvolvemento) e debe ser sostible. Aínda que a comunidade estea nunha posición máis na potenciación do que antes de comezar o primeiro ciclo, debe levarse a cabo de novo. De feito, o activista debe adestrar a un substituto en caso de que se vaia, e os activistas deben recoñecer aos mobilizadores internos (que non empregarán as técnicas aprendidas para o seu beneficio persoal a expensas do fortalecemento da comunidade) dentro da comunidade que serán capaces de manter o estímulo e as intervencións despois de que a axencia ou ministerio do que depende o activista prosiga o seu camiño.

Cada paso do ciclo de mobilización está relacionado co anterior e o posterior, así como co ciclo como conxunto. Existe una orde lóxica e funcional. Cada vez que se repite o ciclo, realizase segundo as avaliacións feitas no ciclo anterior, e se constrúe sobre os resultados do fortalecemento levado a cabo.

Outras intervencións para o desenvolvemento da comunidade:

As seguintes intervencións forman parte da estratexia de mobilización, pero poden introducirse en diferentes momentos do ciclo, que poden ser identificados polo activista, sempre que sexa consciente e estea informado das condicións cambiantes da comunidade.

Os obxectivos da mobilización para desenvolver unha comunidade poden mudar dependendo do país. Non obstante, algúns elementos comúns son: erradicación da pobreza, bo goberno, cambio na organización social (desenvolvemento), incremento na capacidade comunitaria, fortalecemento das persoas con poucos ingresos ou marxinadas, e equilibrio entre os xéneros.

  • A valoración e a análise das organizacións locais existentes (consellos de anciáns ou de outro tipo, grupos de mulleres, grupos de rotación de crédito, movementos cidadáns, asociacións con intereses comúns, como discapacitados ou outros grupos vulnerables) antes, durante e despois de cada ciclo.
  • Progresos das organizacións locais (asegurando a representación e participación nos asuntos comunitarios), promovendo a participación de xénero, asistindo no estatus legal das organizacións comunitarias.
  • Defensa das relacións funcionais e cooperativas entre organizacións: promover as oportunidades de coordinar e poñer en común os recursos locais (humanos, financeiros, de subministro ou de terras).
  • Xeración de ingresos e emprego, facendo fincapé no adestramento, crédito e mercadotecnia.
  • Aumento da calidade da vivenda e das infraestruturas.
  • Actividades medioambientais, como pode ser a promoción de sistemas de control de residuos baseados na propia comunidade e que protexan os seus recursos naturais.
  • Xestión e mitigación participativas dos desastres (campos de refuxiados, realoxamentos, rehabilitacións).
––»«––

Para acceder a unha presentación en Power Point sobre o ciclo de mobilización, con textos e ilustracións, vaia a Power.


© Copyright 1967, 1987, 2007 Phil Bartle
Deseño da web por Lourdes Sada
––»«––
Última actualización: 04.07.2011


 Páxina de inicio

 Mobilización