Páxina de inicio
 ARP/APR




Traducións:

'العربية / al-ʿarabīyah
বাংলা / Baṅla
Català
中文 / Zhōngwén
Deutsch
English
Español
Filipino/Tagalog
Français
Galego
Ελληνικά / Elliniká
हिन्दी / hindī
Italiano
بهاس ملايو / Bahasa Melayu
Polszczyzna
Português
Română
తెలుగు /Telugu
Tiếng Việt

                                        

Outras páxinas:

Módulos

Mapa do sitio

Palabras clave

Contacto

Documentos útiles

Ligazóns de interese

MÉTODOS DE PARTICIPACIÓN NA AVALIACIÓN

Unha revisión aos métodos e técnicas da APR/ARP

por Phil Bartle, PhD

traducido por Iria Castiñeiras Pérez


Referencias para os coordinadores

Unha revisión aos métodos e técnicas da APR/ARP

O acrónimo APR (avaliación/valoración participativa rural) pode desorientar nun primeiro momento porque inclúe o termo «rural» aínda que sexa aplicable tanto a veciñanzas urbanas como a aldeas rurais, e porque implica «avaliación» ou «valoración», aínda que pose ser levado a cabo alén da fase de avaliación, é dicir, a planificacións das accións e deseño do proxecto.

O que está claro é que o proceso caracterízase pola «participación», que pode ser dos membros da comunidade (urbana ou rural), ou dos membros dunha organización.

Facemos énfase en dar voz a aqueles que normalmente non son escoitados. Como mediador, pode proporcionar certa estrutura e estímulo, pero o contido debe ser elixido por todos os membros da comunidade. Os participantes encárganse da recollida de datos e as análises, e o teu papel e facilitar o proceso, non controlalo.

Técnicas de avaliación participativa:

Hai moitos métodos e enfoques na avaliación participativa. Ao longo da túa carreira, desenvolverás enfoques propios, modificando e seleccionando a medida que avanzas.

Aquí presentamos algúns cos que comezar. Modifícalos e moldéaos para que se axusten ao teu grupo de clientes, lugar, tempo ou outras características propias dos participantes e a súa situación.

Elaboración dun mapa:

Facer un mapa da comunidade é probablemente a mellor forma de empezar, tanto para ti como para a comunidade. Pasea cun grupo pola comunidade e déixalle debuxar o mapa da zona, no que se inclúan as instalacións comunitarias, os edificios persoais ou familiares, os bens e as limitacións. Non debuxes o mapa para eles.

Un método consiste en que grupos pequenos fagan mapas por separados para que despois, nun exercicio en grupo, todos os grupos preparen un mapa máis grande (por exemplo, empregando papel de xornal ou paperografo) no que se combine e sintetice todo o que se incluíu nos outros mapas.

Pódese obter información valiosa, a maiores da que ofrece os mapas científicos, a partir dos mapas elaborados por a xente da zona. Estes mapas mostran a perspectiva do debuxante e revelan moito sobre o coñecemento local das instalacións, o uso da terra e os patróns de asentamento, ou as características domésticas.

Ademais dos mapas e modelos que describimos a continuación, podes animar aos membros da comunidade a debuxar un no chan empregando paus. Deste xeito, ao igual que cando se pinta un mapa grande na parede, tanto ti como os participantes obtedes unha oportunidade de axilizar o proceso de debuxo en grupo.

Modelos:

Se os membros da comunidade engaden paus e pedras a un mapa feito no chan, lograrán un modelo simple: o mapa tridimensional.

Non debuxes o mapa ou constrúas o modelo para os participantes: anímaos para que todos participen. Mentres os observas, fíxate se algunha instalación está feita antes do que outra ou se algunha propiedade é máis grande en proporción ao resto. Con isto terás unha versión máis ampla dos temas que resultan importantes para uns ou outros participantes.

Toma notas, pois contribuirán á túa comprensión sociolóxica da comunidade. Fai unha copia en papel do mapa ou modelo como rexistro permanente. Os mapas e modelos poden levar a paseos onde se gravarán datos con maior detalle.

Crear un inventario comunitario:

O inventario, e en especial o seu proceso de elaboración, é o elemento central e de maior importancia na avaliación participativa.

Normalmente, o proceso de facer un inventario comunitario chámase entrevista semiestruturada. Se fose completamente desestruturada, trataríase dunha conversa sen sentido que non vai ningures. Pola contra, unha sesión de «treboada de ideas» está altamente estruturada (as treboadas teñen os seus usos, especialmente na fase do deseño do proxecto para fortalecer á comunidade). A elaboración do inventario encóntrase nalgún punto intermedio. Tamén permites que a discusión sexa libre, sobre todo para que os participantes analicen as súas contribucións no inventario.

Non se traballa cun grupo específico de preguntas, pero resulta mellor preparar unha lista de temas que tratar e cos que traballar, para que non quede nada sen cubrir. Cando prepares a lista, lembra que debe incluír tanto os factores positivos como os negativos da comunidade. Engade as instalacións dispoñibles, describindo se funcionan ou non: as súas posibilidades e potencial, así como as ameazas e obstáculos, posibles e actuais. Lembra que estás a facer unha valoración.

Procura un inventario que recolla os puntos fortes e os débiles da comunidade. O teu traballo non é crear o inventario, senón guiar aos membros da comunidade a construílo en grupo.

Debates en grupo:

Pode que surxa unha variedade de experiencias e opinións entre os membros da comunidade, ou incluso que exista certa reticencia a divulgar información a estraños ou a outros membros da comunidade. Aquí é onde resultan útiles os debates en grupo. Neste caso é mellor traballar en grupos de dous ou tres mediadores, non un só, onde un lidere a discusión e os outros garden rexistros.

A elección dos temas a debater debe ser máis curta que no inventario comunitario xeral. Primeiro conduce sesións separadas para os diferentes grupos de interese, rexistrando con coidado as súas contribucións, para despois xuntalos para que compartan en grupo as súas preocupacións. Ao recoñecer os diferentes grupos de interese da comunidade, non queremos que as súas diferenzas sexan maiores: non queremos ampliar o abismo.

Véxase o documento de adestramento, organización da unidade.

Non se pretende que todos os grupos sexan iguais entre eles, pero debemos aumentar a tolerancia, comprensión e cooperación entre eles. Os grupos de debate proporcionan a oportunidade de traballar por separado con aqueles cos que resulta complicado traballar nun principio, pero o obxecto final é acercalos a todos.

Clasificación das preferencias:

Cando estás a traballar cunha comunidade na que hai diferentes grupos de interese, podes querer facer unha clasificación das preferencias para cada grupo, e despois observala en conxunto con todos os grupos.

A clasificación das preferencias serve para romper o xeo ao comezo da entrevista en grupo e axuda a centrar a discusión.

Clasificación da riqueza:

Este é un método especialmente útil para (1) descubrir como define a comunidade a pobreza, (2) atopar quen é realmente a xente pobre, e (3) estratificar as mostras de riqueza. É mellor levalo a cabo cando xa se teña contactado con membros da comunidade.

Aquí, un bo método é escribir nunha tarxeta os nomes de todos os membros da comunidade. Selecciona algúns deles, pídelles que poñan as tarxetas en grupo segundo os medidores de riqueza e pregúntalles por razóns (racionais) para as súas agrupacións. A forma de dividir, as razóns para facer as categorías e os membros que foron postos nelas é un factor moi revelador da socioeconomía da comunidade.

Diagramas estacionais e históricos:

As variacións e tendencias estacionais ou históricas poden non ser recoñecidas durante unha breve visita ao terreo.

Podes intentar diferentes técnicas para os diagramas que axudarán a explorar os cambios durante as treboadas, demanda laboral, actividades de caza, pesca e agricultura, subministro de leña para combustible, incidencia da morte, migración a causa do emprego, almacenamento de comida e moitos outros elementos que poden cambiar co paso do tempo. Os diagramas producidos poden usarse como base para discutir as razóns e implicacións deses cambios na xente involucrada.

Elaboración do mapa institucional:

En todas partes diríanvos que o mobilizador comunitario debe ser un sociólogo que exerce como tal. É difícil conseguir información sobre a organización social da comunidade e a natureza dos grupos sociais durante unha visita curta. As relacións complexas entre os segmentos ricos e pobres da comunidade, as unións familiares e os feudos, así como os grupos políticos non pode ser desveladas nunhas poucas semanas. Aplicar métodos de avaliación participativa pode resultar moi útil.

Unha forma de comprender os aspectos menos delicados da interacción social na comunidade é preguntando a informadores clave que constrúan un diagrama de Venn. Esta técnica consiste nunha sinxela colección de círculos, no que cada un deles representa un grupo ou organización activa da comunidade. O tamaño dos círculos reflicte a importancia relativa dos grupos representados: canto máis pequeno sexa o círculo, menor será a influencia do grupo. A superposición entre dous grupos representa a cantidade de colaboracións ou decisións conxuntas que toman.

Saber cando utilizar os métodos:

Os métodos da APR/ARP son apropiados para facer valoracións cando se quere que a comunidade participe na avaliación, pero non son aconsellables para todas as fases do proceso de fortalecemento.

Por exemplo, non son o mellor recurso cando a transferencia de capacidades identificouse como unha necesidade. A formación (para a transmisión de coñecementos) pode ser participativa, sempre que os alumnos aprendan actuando, pero non necesariamente empregando técnicas ARP.

Empregamos metáforas, historias e proverbios cando queremos que os membros da comunidade nos entendan. Un destes proverbios di: «non lle pidas a unha galiña leite nin lle pidas a unha vaca ovos».

O que precisamos da metodoloxía APR/ARP é que nos proporcione unha avaliación participativa, nada máis.

––»«––

© Copyright 1967, 1987, 2007 Phil Bartle
Deseño da web por Lourdes Sada
––»«––
Última actualización: 13.02.2012

 Páxina de inicio

 Avaliación participativa