Tweet Traducións:
'العربية / al-ʿarabīyah |
FORTALECEMENTO DA COMUNIDADEFortalecer as veciñanzaspor Phil Bartle, PhDtraducido por Iria Castiñeiras PérezFolleto de adestramentoO razoamento detrás desta metodoloxíaPor que o fortalecemento das comunidades? Ás veces, cando usamos palabras, transmitimos significados que non pretendemos ou que non sabemos que estamos a transmitir. Trátase de emocións e asuncións asociadas ás palabras que usamos. É o caso de, por exemplo, a palabra «pobreza». No campo da cooperación (asistencia ao desenvolvemento), a miúdo vémonos como soldados na chamada guerra contra a pobreza. A pobreza é aquilo que queremos vencer. Pero, cal é o contrario de pobreza? Riqueza. Por algunha razón non queremos admitir que somos «soldados da guerra que apoia a riqueza». Por que? Porque aínda que a pobreza e a riqueza son tecnicamente opostas, hai moitas asuncións, emocións e valores ocultos asociados con cada unha das palabras, e que se transmiten xunto cos seus significados manifestos. Polo tanto, é moralmente correcto axudar aos pobres, pero non sempre queremos ser conscientes de que os estamos a axudar a obter riqueza. O módulo sobre a xeración de ingresos acéptase mellor cando ten o nome de «xeración de ingresos» e non o de «xeración de riqueza», aínda que «riqueza» é un termo económico máis axustado (xa que o obxectivo e xerar riqueza e non só transferir diñeiro). O termo «riqueza» ten a bagaxe emocional oculta que implica o significado de gran riqueza. A pobreza é o problema polo que hai disparidade na riqueza: algúns teñen máis que outros. Se fora posible unha igualdade real (e quizais lle faga feliz saber que non é posible), a pobreza non sería un problema. Intimamente relacionado con «riqueza» están o «poder» e a «capacidade». As comunidades (e os individuos) que posúen moito dun deles, normalmente teñen moito dos outros dous, e viceversa (aqueles con pouca riqueza normalmente ten pouco poder e pouca capacidade); polo que cando queremos mellorar as condicións da xente das comunidades con poucos ingresos, das comunidades pobres ou marxinadas, queremos que teñan máis riqueza, poder e capacidade. Pero non demasiado. É bonito (pensamos) axudar aos pobres, pero (nos nosos desexos ocultos) non queremos que se volvan ricos, ou, polo menos, non queremos que se volvan máis ricos do que nós. Non queremos admitir iso. Outra das palabras cargadas de emocións que usamos hoxe en día é «democracia». En principio, todos estamos a favor. Pero, realmente o estamos? Cando ollamos con atención ao significado de democracia, resulta que non sempre estamos a favor, especialmente se significa que temos que dar algo do noso propio poder relativo (ou riqueza ou capacidade). Moitos dos que din estar a favor, en realidade están a favor dunha serie de institucións que permitan á xente votar por candidatos, levando ao poder a aqueles con máis votos para que representen á xente. Isto chámase «democracia representativa», que é case unha contradición nos seus termos. O significado de «democracia» é «poder para o pobo» (demo = persoas, cracia = poder). O proceso de votar a representantes quita o poder da xente e o entrega aos máis votados. Cando dicimos que queremos fortalecer á comunidade, significa que queremos democratizala . Iso non sempre significa que queiramos que voten polos seus representantes (como sucede no modelo político inglés ou estadounidense): quere dicir que queremos que a xente (non só os individuos) como conxunto (de forma colectiva) teña poder. Queremos encontrar vías para dar máis poder, riqueza e capacidade á comunidade. Polo tanto, as comunidades que máis precisan da nosa asistencia son aquelas que teñen menos poder, riqueza e capacidade. E debemos ser conscientes dos nosos propios desexos ocultos de que sigan sendo pobres, sen poder e incapaces, para poder darlles a nosa caridade. Se realmente queremos fortalecelos, debemos facelo de tal forma que non precisen da nosa caridade, que se volven autosuficientes, que podan soster o seu propio desenvolvemento sen a nosa axuda. Os nosos desexos de riqueza e poder son normais e naturais: non temos porque avergoñarnos deles. Así é todo, no noso desexo de axudar aos pobres e desamparados, debemos lembrar que non debemos facelo para que, a longo prazo, continúen sendo pobres e sen poder, é dicir, dependentes de nós. Os documentos de adestramento recompilados nesta páxina web están dirixidos, principalmente, ao activista comunitario, e salienta métodos e técnicas por enriba da teoría ou a ideoloxía. Non obstante, para empregar estes métodos de forma efectiva debemos ser conscientes do razoamento detrás deles, dos principios que se aplican e dos efectos que teñen a longo prazo. O que é máis importante, debemos examinar constantemente os motivos e obxectivos que están detrás do que facemos. Fortalecerse a través do exercicio: Moitas veces ao longo desta páxina, aconsellamos enfocar a tarefa dunha forma que pode considerarse potenciadora, en lugar de algo que poda promover a dependencia. Ás veces usámos o termo «enfoque caritativo» para nomear á dependencia , producir métodos que faciliten as axudas. A caridade por si mesma non é mala, pois está baseada na xenerosidade, un valor que defendemos encarecidamente. Ao falar de «enfoque caritativo», referímonos a unha maneira de axudar a xente pobre e sen poder que non os volve autosuficientes. Os regalos que volven máis dependentes a aqueles que os reciben non son unha forma xenuína de xenerosidade: manteñen a pobreza. Manteñen aos doadores en posición de dar. Se entregas algo a unha persoa ou grupo que o necesita, alivia temporalmente a súa necesidade. Pode estar seguro de que na próxima ocasión que precisen de algo, volverán ao lugar onde recibiron a súa primeira asistencia. Isto non é malo: é a natureza humana ou a natureza de supervivencia que ten calquera organismo. Se quere que a persoa ou grupo se volva autosuficiente, primeiro precisa asegurarse de que necesitan algo. Despois pode encontrar formas de que traballen ou loiten por el, para que na próxima ocasión non vaian a pedirlle a vostede de novo. Se se esforzan en conseguilo, saberán que valeu (para eles) cada céntimo que gastaron nel. Moitas veces nesta páxina verá algunha analoxía deportiva para explicar o método de fortalecemento . Un adestrador non fai as flexións polo seu atleta nin encesta polo seu xogador de baloncesto. A persoa que quere fortalecerse e volverse máis competente ten que facer o traballo. Atopamos outra analoxía na fisioterapia. Se se fai dano e perde a mobilidade do brazo, ten que ir ao fisioterapeuta para que o axude. O profesional pode mover o seu brazo da maneira precisa, pero só para mostrar onde debe exercitarse. Precisa movelo vostede mesmo, e é un proceso doloroso e incómodo. É necesario que queira mellorar. O resultado é que recupera a súa forza e non precisa de máis servizos do fisioterapeuta. Se o adestrador fixera as flexións, o atleta non se fortalecería. Se o fisioterapeuta fixera os exercicios polo paciente, este tampouco recuperaría a súa forza. Se o traballador comunitario fai o traballo pola comunidade, esta seguirá a ser dependente e manterase na pobreza. Debilidade. O enfoque do fortalecemento ao desenvolvemento comunitario é cando, en primeiro lugar, se determina que a comunidade quere algo (como se descubriu na sesión de treboada de ideas) e despois se lle ensina aos membros da comunidade como conseguilo. O proceso para acadalo é o exercicio (esforzo) que os fortalece. Por que escoller unha comunidade para potenciala? Se o propósito de mobilizar a comunidade é incrementar o seu poder, a súa riqueza e capacidade, por que escoller esta comunidade e non aquela? O mundo non é un lugar xusto. Existen as desigualdades e os conflitos. Hai trato inhumano por parte dalgunhas persoas. A vida non é xusta. Precisamos de algún propósito na vida. Tentar mellorar o que está mal neste mundo, tratar de axudar aos pobres a volverse independentes e escapar da pobreza son exemplos destes propósitos. Algunhas persoas teñen como obxectivo principal enriquecerse elas soas, pero trátase de algo egoísta e vacuo (canto máis rica é a xente, máis diñeiro queren: non encontran a satisfacción). Non hai probas nin esperanza de que o mundo será un lugar xusto, de que se eliminará a pobreza. Así e todo, loitar por iso é un propósito que ten as súas propias recompensas. Podemos gastar as nosas enerxías en tratar de mobilizar e potenciar unha comunidade rica ou relativamente podente, pero é un obxectivo menor comparado con tentar axudar a fortalecerse a unha comunidade pobre. Os métodos explicados nesta páxina web poden aplicarse tanto a comunidades ricas como pobres. Escoller traballar cunha comunidade pobre pode ser unha forma de encontrar o seu obxectivo na vida. Escoller a comunidade polo mero feito de ter nacido nela pode ser igualmente válido, pero cun significado menor. Os documentos da web están deseñados, principalmente, para ser aplicados en comunidades con baixos ingresos, pouca capacidade e pouco potenciadas. Escribilos ten un propósito: non se gaña diñeiro ao subilos á rede. É un elemento (rexemento? munición?) na guerra contra a pobreza. A moita xente lle gusta dicir «a caridade debe comezar na casa». En ocasións din isto para xustificar o recadar diñeiro para dar esmola aos pobres nas súas comunidades de orixe (o que non termina coa súa pobreza, como xa temos visto). Por desgracia, esta xente adoita crer que non só debe comezar en casa: tamén debe permanecer nela. Que percepción máis egoísta e curta de miras. En todo o mundo viven seres humanos. Todos estamos relacionados. Somos unha gran familia humana. Aqueles illados en comunidades pobres son os nosos irmáns e irmás. Se podemos axudalos, temos un propósito na vida. Se os axudamos, debemos concentrarnos en axudalos a ser independentes da nosa caridade, capaces de axudarse a si mesmos no futuro. Se podemos escoller en que comunidade aplicar as nosas habilidades como activistas, terá máis significado (e un efecto global maior) escoller aquelas cos ingresos máis baixos, aquelas con menor poder e capacidade. O fortalecemento como parte dun proceso social: En moitos lugares desta páxina, sinalamos que a pobreza é un problema social, que contrasta co problema individual da falta de diñeiro ou outros recursos. Debemos distinguir entre o nivel social e o individual nas nosas análises, observacións e intervencións. A comunidade é unha organización social, non é un individuo. Está lonxe de ser só unha colección de individuos. É unha entidade, en ocasións descrita como un «superorganismo», que transcende aos individuos que a compón nun momento preciso. É doado ver e interactuar cun individuo. Unha «comunidade», pola contra, é un modelo científico, como pode ser un átomo ou o sistema solar, que como moito pode ser visto parcialmente de cada vez, pero non como un todo. (Xa coñece a historia dos sete cegos e o elefante). Unha comunidade non se comporta como un individuo. Ás veces convertemos á comunidade en algo antropomorfo (pensamos e falamos dela como se fora un ser humano), pero asemellase máis a unha ameba social do que a un individuo. Podemos fortalecer aos individuos (física ou psicoloxicamente) e podemos fortalecer ás comunidades (a súa capacidade, riqueza e poder): non obstante, isto non é mesmo. No noso traballo como activistas, debemos ter coidado e evitar facer predicións ou asuncións sobre as comunidades como si estas foran un individuo, un ser humano, que pensa. É doado para nós, aínda que sexa erróneo, caer neste tipo de pensamento. Mentres que vostede, como activista, ve e traballa con individuos, o seu obxectivo é a comunidade, unha organización social, que non pode ver na súa totalidade e coa que debe traballar de forma indirecta. Polo tanto, para ter éxito no reforzamento da comunidade, é necesario que comprenda a natureza das organizacións sociais e o nivel social da propia sociedade. Tamén é preciso que saiba algo sobre as relacións entre o individuo ou os individuos, a comunidade e a sociedade. Aínda que esta web tenta minimizar a teoría e a ideoloxía para facer énfase nas pautas, métodos e técnicas, tamén o anima a aprender sobre socioloxía, sobre a natureza da comunidade como organización social e sobre as perspectivas sociolóxicas, para que poida realizar o seu traballo de forma efectiva. Non obstante, lembre que a socioloxía non pode ser tan precisa ou predictiva como a química ou a astronomía, por citar algúns exemplos, pois hai demasiados factores que afectan ao cambio social. Faise máis complicado porque a organización social, tal como a comunidade ou a ONG, é unha construción, un modelo, que non se pode ver de forma directa. Porén, precisa fixarse como obxectivo aprender máis sobre a perspectiva social e desenvolver habilidades para entender os elementos sociais que se revelan a través dos indicadores que observa, incluíndo o comportamento dos individuos, as estatísticas sociais e económicas, algúns eventos e os datos demográficos. Para axudalo nisto, hai dous módulos que identifican os dezaseis elementos do fortalecemento. Un céntrase na capacidade de desenvolvemento da organización (como as ONG ou OBC), e outro trata sobre a medición dos incrementos (ou descensos) da capacidade da comunidade. Estes dezaseis elementos, moitos dos cales só poden ser vistos a través das características dos individuos, poden axudalo a ollar coidadosa e detidamente ao proceso de potenciación como un proceso social. Por que a participación? Fortalecer unha comunidade non é algo que poda facer esa comunidade. Dado que o proceso de fortalecemento, ou de desenvolvemento da capacidade, é un proceso social, é algo que a propia comunidade debe levar a cabo. Incluso os membros da comunidade, os individuos, non poden desenvolver a súa propia comunidade: é un proceso de crecemento da comunidade como un todo, de forma interna, como se fora un organismo (un súper organismo ou organismo social). Tentar forzar o crecemento ou o cambio social recebe o nome de enxeñería social, e ten consecuencias, aínda que normalmente estas encóntranse lonxe do que desexa. O noso método trata de estimular á comunidade para que emprenda a acción. En ocasións referímonos á accións como «proxecto». Ao realizar o proxecto, a comunidade fortalécese e desenvolve a súa capacidade. A acción que require é o seu exercicio para volverse máis forte. Mencionamos antes que a xente debe loitar para poder fortalecerse. O método básico do activista na comunidade e, en primeiro lugar, determinar que quere a comunidade como un todo, para despois guiala na súa loita para conseguilo. Un forasteiro non pode decidir o que quere a comunidade. Os membros da comunidade deben acordar aquilo que todos prefiren. Esa é a primeira razón de por que precisan participar na toma de decisión: a participación é necesaria para determinar aquilo que desexan. A sesión de treboada de ideas é unha das moitas técnicas ensinadas neste sitio para axudalo a pescudar as súas prioridades. Cando se fai de forma correcta, é un proceso que determina unha elección comunal, non a de un pequeno grupo de persoas ou a de unha facción dominante. Despois chega a decisión da estratexia, ou o camiño a seguir para obter o obxectivo prioritario. De novo, existen diversos modos de escoller unha estratexia, pero canto máis represente os desexos de todos os membros da comunidade, máis válida será. A súa participación é fundamental para ter éxito. Calquera que sexa o proxecto, terá as súas contribucións e rendementos. As retribucións son os recursos utilizados no proxecto. O rendemento é o obxectivo xa realizado. Algunhas contribucións poden vir de doadores externos, como pode ser o goberno, pero a propia comunidade, os seus membros, deberán realizar sacrificios. Suxerimos que, do mesmo modo que participan na toma de decisións, fagan contribucións de recursos. A supervisión é un elemento esencial, pero en ocasións infravalorado, de calquera proxecto. A comunidade tamén debe participar nel. Os membros non deben deixar aos forasteiros, doadores ou executores, comprobar que todo vaia segundo o planeado. Mentres se leve a cabo o proxecto, os membros da comunidade poden identificar habilidades que lles fan falla. Pode tratarse de contabilidade, redacción de informes ou habilidades técnicas. Se pode axudalos a obtelas, recomendamos que o adestramos sexa tamén participativo. A xente aprende mellor «facendo» que escoitando conferencias ou vendo presentación. O enfoque participativo está recomendado durante todo o proceso de fortalecemento. A participación contribúe ao fortalecemento. Desenvolvemento nacional: As década de 1950 e 1960 (finais) viron o fin do período colonial para moitos países novos. Había esperanza de que tamén significara o fin da pobreza, pois os países tiñan máis confianza e forza. Pero a realidade era diferente, e o desánimo substituíu ao optimismo ao ver que a pobreza e o número de persoas pobres aumentaba. Existen moitas causas históricas que explican isto: o neocolonialismo, as empresas multinacionais que tiñan máis forza e riqueza que países enteiros, a globalización da cultura corporativista, a falta de sofisticación e coñecemento por parte dos líderes, etcétera. Todo o mundo ten a súa teoría favorita. Nos factores da pobreza, distinguimos entre (1) as causas históricas e (2) os factores que contribúen a que o problema continúe. Isto ten un propósito práctico. Non podemos ir cara atrás na historia e cambiar os feitos. Podemos ver os factores actuais e ter certa influencia, por pequena que sexa, neles. O adestramento da páxina web está dirixido, principalmente, ao activista da comunidade (e aos seus dirixentes, planificadores, programadores e administradores). No módulo de xénero, menciónase o eslógan «pensa globalmente, actúa localmente». Isto tamén se pode aplicar aquí. Como podemos contribuír a facer unha nación máis forte, autosuficiente e independente? Se o país ten comunidades fortes, autosuficientes e capaces, fortalecerase. Vostede, como activista, non pode (a través do seu traballo) mudar directamente as características nacionais do país, pero pode contribuír a facer máis forte unha ou varias comunidades. Ademais, ao ensinar estes métodos e técnicas aos outros, participa indirectamente no fortalecemento de outras comunidades. Tamén pode ser capaz de influencia na lexislación e regulamentos ministeriais de forma que poda contribuír a un entorno que promova e apoie comunidades autosuficientes e fortes. Cantas máis comunidades fortes haxa, máis beneficios obterá o país. Joseph Marie de Maistre escribiu: «Toute nation a le gouvernement qu'elle merite» (todo país ten o goberno que se merece) Lettres et Opuscules Inedits (vol. I, letter 53), ás veces incorrectamente atribuído ao segundo presidente estadounidense, Thomas Jefferson. Se traballa para conseguir a sociedade que desexa, axudará a conseguir o goberno que merece. O desenvolvemento nacional non chegará gracias ao pensamento positivo ou a un debate nun bar. Chegará como resultado de centos de miles de pequenos cambios continuos baseados no traballo duro levado a cabo por persoas que teñen unha visión. Pode estar entre eles, e esta páxina web lle da as ferramentas coas que poderá realizar o traballo. Encontre o mellor e reálceo Unha actitude positiva, xunto co optimismo e o empeño de seguir a intentalo, non só meros luxos neste traballo: son necesidades. Ningunha persoa, comunidade ou sociedade é perfecta. Todos cometemos erros. Se gasta demasiado tempo ou enerxía criticando, salientará aquilo que critica e freará a súa corrección. Coñecerá persoas que farán promesas e as romperán, persoas que non cumpren coa súa parte do acordo, xente que minte e engana, xente inepta, ineficiente ou equivocada, persoas deshonestas e corruptas. Desde o momento en que nacemos, ninguén nos prometeu que a vida sería xusta. Así son as cousas. Para ter éxito neste tipo de traballo, é preciso ter unha actitude positiva e aceptar que os erros son inevitables, así como estar disposto a «seguir insistindo» incluso despois de ter fallado. Para obter o mellor das persoas, precisa ver, aínda que non mencionar, as súas debilidades e erros, recoñecer os seu puntos fortes e logros e deixarlles saber que espera o mellor deles. Apóiese nos puntos fortes, non nos débiles. Conclusión: Por que axudar ás comunidades a fortalecerse? O mundo sería un lugar mellor, reduciríase a pobreza, e traballar para conseguilo é un propósito cheo de sentido. Cal é o método para potencialo? A caridade (dar as cousas gratis) debilita as comunidades. Que comunidades debe elixir para axudalas a ser máis fortes e autosuficientes? Escolla aquelas que máis o precisan, as máis pobres e con menor capacidade e poder. Por que non se pode aplicar a pobreza e o desenvolvemento só aos individuos? A pobreza é un problema social e require de solucións sociais. O desenvolvemento non é posible senón afecta a toda a comunidade. Por que deben os membros da comunidade participar no desenvolvemento? Sen a súa participación, non habería desenvolvemento e as mellores non serían sostibles. Por que non traballar cara ao desenvolvemento nacional? As comunidades fortalécense, contribúen a un auténtico desenvolvemento nacional. Vostede, como activista, pode traballar de forma práctica axudando ás comunidades a fortalecerse, pero traballar directamente cos países non é factible. Que ocorre coas decepcións, a xente deshonesta e mentireira? Un enfoque positivo é fundamental para traballar coa comunidade; aceptar os fallos e superalos; aceptar que todos cometemos erros para poder evitar o criticismo e construír sobre os puntos máis fortes. O seu traballo é nobre e valioso, aínda que non se recoñeza. ––»«––Taller: © Copyright 1967, 1987, 2007 Phil Bartle
––»«–– |
Páxina de inicio |
Reforzar á comunidade |